GAIN mostrou ante os innovadores peruanos a súa Estratexia de Especialización Intelixente

venres, 25 de marzo do 2022 S. P.

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, recibiu esta semana en Santiago, na sede da axencia, a unha delegación da rexión peruana de Tacna interesada en coñecer as políticas públicas de innovación de Galicia e a articulación do sistema galego de I+D+i. O encontro realizouse con vistas a explorar oportunidades de cooperación internacional neste ámbito.
A cita produciuse no marco do Plan de Desenvolvemento do Ecosistema Rexional de Investigación de Tacna. Os integrantes da expedición peruana interesáronse pola Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, así como pola experiencia de cooperación neste ámbito con Portugal, ademais de afondar na relación entre administración, empresas e centros tecnolóxicos e de coñecemento.
A rexión de Tacna sitúase no sur de Perú, fronteiriza con Chile e Bolivia. Conta cun forte sector mineiro, e ademais son os principais produtores de oliveira e ourego a nivel nacional, con máis do 80% da produción peruana. A delegación que visitou a Axencia Galega de Innovación está integrada por 15 persoas entre as que se inclúen representantes do Instituto Nacional de Innovación Agraria, asociacións de oliveira e ourego, Cámara de Comercio, Cámara de Turismo, e do ámbito universitario.

PUBLICIDADE