GAIN mobiliza 7,2 millóns nas dúas novas edicións da aceleradora de proxectos aeronáuticos BFAero

luns, 11 de abril do 2022 S. P.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) vai mobilizar 7,2 millóns de euros para dar continuidade á aceleradora BFAero, centrada en dar oportunidades, visibilidade e recursos ao puxante sector aeronáutico galego. Farao con dúas novas edicións e na compaña do IGAPE, Xesgalicia e a Fundación CEL Iniciativas por Lugo (con quen GAIN vén de renovar o acordo de colaboración que dá sustento a BFAero). O obxectivo é dar apoio a 25 empresas do dito ámbito de acción.
O obxectivo, máis polo miúdo, é “fortalecer o posicionamento internacional das empresas participantes e promover así a creación, aceleración e consolidación de pemes innovadoras na cadea de valor do aeroespacial de Galicia, para que capten, atraian e reteñan talento e contribúan a xerar pegada industrial e a incrementar a proxección internacional deste sector”.
Na fase de incubación, entrarán aquelas empresas en fase temperá que se atopan entre o nacemento da idea e a validación do modelo de negocio. A fase de aceleración, de oito meses de duración, será para empresas xa existentes con alta capacidade de crecemento, un modelo de negocio validado e un determinado volume de facturación.
Como novidade, establécese unha nova fase de consolidación de 4 meses de duración dirixida a empresas galegas da industria aeroespacial cunha antigüidade máxima de ata 7 anos e con alta capacidade de crecemento, que teñan xa un produto definido e vendas reais.
A previsión é que se realicen dúas convocatorias. A primeira delas, entre abril e xuño de 2022. Logo, en outubro deste mesmo ano abrirase a convocatoria da quinta edición para incubación e consolidación e, entre maio e xuño de 2023, para aceleración e unha segunda de consolidación.
Nas tres convocatorias anteriores, participaron 19 empresas, creáronse 8 novas e, aproximadamente, 60 empregos, cun investimento que acadou os 5M€.

PUBLICIDADE