GAIN e a UVigo fan un chamamento para participarmos no certame europeo de navegación por satélite

martes, 14 de xuño do 2016 Redacción

A sede da Axencia Galega de Innovación (GAIN) en Santiago acolleu este luns 13 unha xornada para dar a coñecer as oportunidades que se nos abren co Concurso Europeo de Navegación por Satélite (os European Satellite Navigation Competition-Galileo Masters), no que participou a nosa terra o ano pasado e no que recunca, este 2016, co obxectivo de ir alén dos logros obtidos na anterior edición: 17 ideas presentadas, o 11º posto final nun conxunto de 25 autonomías europeas e un importante premio para a Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo (pola súa aplicación para móbiles que permite enviar ás emerxencias unha imaxe co sitio exacto dun accidente).
Na dita presentación participaron Manuel Varela, director de GAIN e Teresa Pedrosa, delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo. A presentación do concurso correu a cargo de Kathrin Sturm, xefa de proxectos de Anwendungszentrum GmbH Oberpfaffenhofen (AZO) e de Francisco Diaz-Otero, profesor da Universidade de Vigo e coordinador autonómico do concurso. A xuntanza informativa completouse cunha mesa redonda sobre o sector aeroespacial e aeronáutico en Galicia, que se centrou no Galileo Masters como unha oportunidade para o proxecto Civil UAVs Initiative, como lembraremos a iniciativa recentemente gañadora do Premio do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o CPEIG, no marco dos seus galardóns anuais.
O Concurso Europeo de Navegación por Satélite, promovido pola Axencia Espacial Europea, o Centro Aeroespacial Alemán e o Ministerio alemán de Transporte e Infraestruturas Dixitais, é un certame internacional de innovación que premia as mellores ideas no desenvolvemento de aplicacións orientadas ao mercado e baseadas en tecnoloxías de navegación por satélite.
Desta volta o prazo de presentación de candidaturas está aberto ata o 30 de xuño. Galicia é unha das 21 autonomías asociadas e convoca dous premios, por un lado un premio autonómico promovido polo Consorcio Zona Franca de Vigo, a Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo, a empresa Marine Instruments e os centros de investigación AtlantTIC e Campus do Mar e, por outro lado, a Axencia Galega de Innovación concederá un premio especial no ámbito dos vehículos aéreos non tripulados (UAVs) e as súas aplicacións no ámbito civil.
Todas as ideas que se presenten optarán de maneira simultánea a un premio internacional e a un premio rexional e, en total, o certame repartirá máis de 1 millón de euros en premios. As propostas deberán ser enviadas de xeito telemático desde a páxina web da organización, serán avaliadas en setembro nunha reunión internacional e en outubro terá lugar a cerimonia de entrega de premios.
A Zona Franca premiará ao gañador de Galicia cun ano de incubación nun dos parques empresariais da Zona Franca de Vigo, o que inclúe ademais do espazo físico, asistencia no desenvolvemento do produto, acceso a expertos, servizos administrativos e xerais, adestramento en negocios, consultoría, avaliación e formación, estudos de mercado e orientación económica. Este ano, ademais do premio de 1.000 euros que Marine Instruments outorgará de xeito adicional á mellor idea de navegación vía satélite no ámbito marítimo, a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación concederá un premio especial no ámbito dos vehículos aéreos non tripulados: o premio Sistemas UAV para Aplicacións Civís.
Pola súa banda, o gañador ou gañadora do premio especial UAV, concedido en colaboración con Indra e Inaer, recibirá un paquete de apoio integral para o desenvolvemento da súa idea que inclúe 3.000 euros en efectivo, ademais de acceso ás infraestruturas de probas das Rozas, cooperación co INTA e o CIAR, así como acceso a Indra/Inaer.

PUBLICIDADE