GAIN celebra o 23 de xullo o segundo encontro do ciclo sobre tecnoloxías na era postCOVID
xoves, 9 de xullo do 2020
A
Axencia
Galega de Innovación (GAIN) vai organizar o 23 de xullo o segundo
encontro do ciclo A era postCOVID: redeseñar o mundo, ao
que están convidados todos os axentes do ecosistema do deseño
galego. Baixo o título Deseño, ciencia e tecnoloxía, o
obxectivo é explorar “as sinerxías que presentan estes tres eixos
no novo contexto aberto polo do coronavirus, marcado pola incertidume
e polos novos retos e necesidades”, sinala GAIN, engadindo que con
esta segunda entrega complétase a reflexión iniciada no primeiro
encontro do ciclo, no que se avaliou a relación entre deseño,
empresa e sociedade.
Este
evento, que se desenvolverá en a partir das 10:30 e ao longo de 90
minutos, forma parte do ciclo de catro encontros virtuais do Programa
de Deseño para a Innovación da Xunta de Galicia para analizar o
papel desta disciplina no escenario de futuro a través da visión de
recoñecidos profesionais galegos que desenvolven a súa actividade
en Galicia, o resto de España e outros países.
Os
expertos de referencia que compartirán a súa visión cos
participantes son o artista Rubén Ramos Balsa, residente en Singapur
e fundador da empresa tecnolóxica Mismos; Noemí Cortizas, afincada
en Francia e especializada no deseño de produto, materiais, acabados
e cores na compañía Roctool; e Anxo López, experto na función
estratéxica do deseño e líder desta división no BBVA.