GAIN apoia 63 pemes e microempresas a través dos Bonos de Innovación

xoves, 24 de agosto do 2023 S. P.

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, fixo un novo repaso das posibilidades que abren os Bonos de Innovación 2023, que están a apoiar, neste intre, un total de 63 pemes e microempresas para dar os seus primeiros pasos en materia de transformación e renovación. Lembrou que un 42% das achegas son para entidades que acceden por primeira vez a instrumentos de apoio da Axencia Galega de Innovación e 26 entidades localízanse en Concellos Emprendedores.
Estes datos foron achegados durante unha visita (este xoves 24 de agosto pola mañá), á se da Panificadora Santa Cruz, que acaba de recibir un Bono de Innovación por importe de 35.000 euros para realizar distintas actuacións encamiñadas a mellorar os procesos produtivos.
Deste xeito, a firma agarda conseguir, coa colaboración de Teamandtime Solutions Ingeniería de Organización, unha mellora na súa capacidade produtiva, unha redución do seu consumo enerxético e de materias primas, así como mellorar a súa sustentabilidade.
A directora de GAIN destacou que o obxectivo deste programa impulsado polo Goberno autonómico é “apoiar especialmente aquelas empresas que incorporan por primeira vez a innovación na súa estratexia e facilitar as actuacións que leven a cabo, a través da contratación de servizos externos de axentes de innovación para conseguir unha mellora da súa competitividade”. Ademais, dixo, “Panificadora Santa Cruz está situada nun concello emprendedor, Oleiros, un dos criterios que se incorporaron na convocatoria deste ano para valorar as solicitudes”.
Bonos de innovación 2023
A Consellería de Economía, Industria e Innovación acaba de resolver esta convocatoria a través da que apoia 63 pemes e microempresas galegas para que dean os seus primeiros pasos na innovación, cunha axuda total de case 861.000 euros e un investimento mobilizado total de 1,27 millóns de euros.
Esta convocatoria conta con dúas liñas de axuda: por unha banda, para contratar servizos de apoio á innovación, como accións para desenvolver novos produtos, procesos e servizos, nos que se inclúen especialmente as accións de deseño; unha partida que abrangue un 77% das axudas. Por outra banda, os bonos tamén cobren os custos derivados da tramitación de presentación de axudas de tipo individual ou cooperativo ás convocatorias de I+D+i estatais, europeas e internacionais (o que supón o 14% das axudas solicitadas), así como a contratación de servizos de apoio para a tramitación de incentivos fiscais á I+D+i e, como novidade desta edición, para bonificacións da Seguridade Social por máis de 10 investigadores, que representan un 9% dos apoios.
En canto ao perfil das empresas, un 48% dos bonos van destinados a microempresas e autónomos, seguido dun 41% a pequenas empresas e o 11% restante a medianas. Por provincia, destaca Pontevedra co 39% dos bonos concedidos, seguida da Coruña co 35%, Ourense co 17% e Lugo co 9%. Cómpre sinalar que un 42% dos bonos irán para entidades que acceden por primeira vez a instrumentos de apoio da Xunta á I+D+i, un total de 30 pemes, e que 26 das empresas beneficiarias están localizadas en Concellos Emprendedores.
Na primeira edición, concedéronse 73 bonos a 66 empresas, das que o 67% foi a primeira vez que obtiveron axudas da Axencia Galega de Innovación. En total, a través das dúas edicións concedéronse 144 bonos a 129 pemes. Este programa complementa outras medidas dirixidas a impulsar a innovación entre as pequenas e medianas empresas como InnovaPeme e DeseñaPeme, que se resolverán en datas vindeiras.

PUBLICIDADE