Fundetec e AMTEGA formaron aos nosos axentes sociais en materia de envellecemento activo pola vía TIC

venres, 23 de maio do 2014 Redacción

As actividades formativas na Aula CeMIT de Tui

A nosa terra deu acubillo esta semana a unha actividade formativa ao servizo dos axentes sociais que desenvolven os seus labores acompañando e atendendo a persoas maiores. Dáse a circunstancia de que a formación foi basicamente TIC, buscándose no plano xenérico unha meirande familiaridade dos ditos axentes no plano das novas tecnoloxías (moi útiles para acadar unha asistencia máis ampla e inmediata e tamén para favorecer a inclusión social e o desenvolvemento persoal das persoas maiores). No plano específico achegóuselles coñecemento eficaz sobre metodoloxías que favorezan o envellecemento activo, un dos grandes desafíos sociais do noso tempo. As sesións inseríronse no proxecto europeo ACTing e viñeron da man de Fundetec co apoio de AMTEGA.
A iniciativa ACTing, para quen non o saiba, busca proporcionar a estes profesionais unha metodoloxía adaptada para promover a saúde e a vitalidade dos noso maiores a través do uso das novas tecnoloxías. Esta acción formativa, liderada por Fundetec, contou coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para a súa edición galega. Nela participaron 11 aulas da Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), ás que se sumaron entidades do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta, a Universidade Senior da Coruña e o Centro de Información á Muller e o Servizo de Educación Familiar do Concello de Verín.
Durante tres días, un total de 17 axentes sociais abordaron estratexias e metodoloxías relacionadas coa motivación e a actitude das persoas maiores no uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), o envellecemento activo e a posta en marcha de iniciativas singulares que faciliten a inclusión dixital deste colectivo. Segundo informan AMTEGA e Fundetec, “a estes primeiros profesionais formados sumarase nas vindeiras semanas outro grupo de axentes sociais que participarán nun novo curso dirixido pola Fundación Esplai, entidade responsábel de coordinar toda a parte formativa do proxecto ACTing”. Por certo que a principal finalidade desta iniciativa é a transferencia a nivel internacional dunha metodoloxía específica que fortaleza as capacidades, habilidades e actitudes dos axentes sociais que traballan con persoas maiores, utilizando as TIC como unha ferramenta para mellorar a súa calidade de vida e capacitándoos para formar parte activa da Sociedade da Información.

PUBLICIDADE