Fundación Vodafone e a Mancomunidade de Concellos A Mariña Lucense incentivarán as competencias dixitais da mocidade local

martes, 26 de outubro do 2021 S. P.

A Fundación Vodafone España e a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense veñen de xuntar forzas para “incentivar as competencias dixitais ao tempo que se fomenta o compromiso solidario e social da xuventude”, poñendo o foco na área de influencia da devandita entidade: a contorna costeira da provincia de Lugo. Este venres 22 foron dados a coñecer os detalles do acordo conxunto, a través do cal, once dos institutos públicos da comarca formarán parte de Project Lab, a iniciativa da Fundación Vodafone para lograr que a mocidade de 14 a 18 anos adquira, a través dun programa mentorizado, as competencias dixitais precisas para afrontar os grandes retos sociais do noso tempo.
Os Institutos de Educación Secundaria (IES) que se unirán a esta iniciativa serán: IES Perdouro e IES Monte Castelo de Burela; IES Marqués de Sargadelos de San Cibrao; IES de Foz; IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo; IES Enrique Muruais de Pontenova; IES Dionisio Gamallo de Ribadeo; IES María Sarmiento e IES Vilar Ponte de Viveiro; e IES Illa de Sarón de Xove.
Segundo fixeron saber a operadora e a mancomunidade, o proxecto espera beneficiar a 230 alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO, Formación Profesional Básica e Formación Profesional de Grao Medio destes centros educativos.
O acordo chega trala experiencia positiva do IES Maria Sarmiento de Viveiro, onde un dos seus equipos erixiuse como gañador do premio do concurso nacional co seu proxecto Peripatéticos Viveirenses: Diario de Sarmiento.
No acto de presentación, celebrado este venres 22 no salón multiusos do Concello de Viveiro, participaron María Carmen Gueimunde, responsábel da Xefatura Provincial de Lugo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, Francisco Cajoto, presidente da Mancomunidade A Mariña Lucense, María Loureiro, alcaldesa de Viveiro, e Gloria Placer, directora da Fundación Vodafone España.
O programa estenderase durante 6 meses e constará de diferentes fases: no mes de outubro comeza a formación docente, continúa en xaneiro coa formación do alumnado e conclúe en marzo coa final nacional.
Do mesmo xeito que no resto de programas educativos que ten implantados, a Fundación Vodafone aposta polo desenvolvemento profesional docente, “cun itinerario formativo onde o profesorado coñecerá o uso das metodoloxías activas na aula e ferramentas de innovación”. A idea da operadora é que os docentes se convertan en “facilitadores da experiencia do alumnado”. Durante a segunda fase, os alumnos e alumnas, seguindo a metodoloxía de aprendizaxe baseada en retos, deben identificar un reto na súa comunidade e buscarlle unha solución mediante un proceso de investigación e ideación, adquirindo competencias dixitais e habilidades claves do século XXI como a creatividade, a colaboración, o pensamento crítico e a comunicación.
Finalmente, os alumnos e alumnas deben comunicar a súa idea a un xurado, nunha final nacional na que participarán estudantes de todo o país e onde se entregarán dous premios de 5.000 euros cada un aos equipos gañadores. O premio irá destinado a que as ideas gañadoras poidan seguir desenvolvéndose.

PUBLICIDADE