A Fundación CEL recoñece o compromiso social e tecnolóxico de COGAMI

venres, 21 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

Instalacións de COGAMI Informática e Comunicacións

A Fundación CEL entregou este xoves nun acto con notábel presenza de representantes públicos e privados do noso motor produtivo os seus premios á innovación en materia empresarial. A resolución do certame, que chegou á súa edición número 13, non recoñeceu este ano o labor de empresas directamente ligadas ao tecnolóxico-dixital, a cuestión que ocupa a Código Cero, aínda que si que salientou iniciativas indirectamente relacionadas coas TIC, como por exemplo a plataforma COGAMI de persoas con diversidades funcionais, entidade comprometida dende hai anos coa inclusión tecnolóxica dos seus integrantes e toda a nosa cidadanía. Este labor, por certo, puidemos velo recentemente co seu acordo con Vodafone ou a través de diversos eventos de divulgación.
COGAMI recibiu o Premio ao Compromiso Social, Arde Lucus o galardón Promoción Exterior de Lugo e Mobles Hermida o de Calidade, Seguridade e Protección Medioambiental.
A Fundación CEL, que contou para a entrega de premios co presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e duns 200 convidados, recoñeceu este ano os esforzos de un total de oito proxectos emprendedores, entre galardóns e accésits, na categoría de Premios á Iniciativa Empresarial. Cómpre lembrar que, en total, presentáronse ao certame até 85 candidaturas, un 21% máis que na convocatoria previa. O Premio a Proxectos de Creación de Empresa, patrocinado por Banco Pastor, foi dar a Aquagene, polo seu proxecto de desenvolvemento e seguimento de plans de mellora xenética para firmas do sector acuícola. Aeiraland recibiu un accésit nesta modalidade por ser a primeira empresa que se decide a pór en marcha un proxecto de produción e venda de troita galega.
O Premio a Proxectos Universitarios de Creación de Empresa, patrocinado por NovaCaixaGalicia, recaeu en Corte Arbitral de Galicia, institución que posibilita o arranxo de conflitos entre firmas e particulares de xeito económico e rápido. O laboratorio Filotec recibiu un accésit.
O Premio a Proxectos de Creación de Empresas de Alumnos de Formación Profesional, apoiado por Caixa Rural Galega, foi dar a Konfot, empresa centrada no uso útil da enerxía nos edificios. Anjesa Educación e Saúde SCG recibiu un accésit.
Para rematar, o Premio a Proxectos de I+D aplicada á Empresa, patrocinado por NovaCaixaGalicia, recaeu en Cenbimo, pola súa achega na fabricación de produtos sanitarios in vitro. O accésit foi dar a Raisin Dor, polo seu labor a prol da mellora organoléptica de viños sen alcol.
Polo que respecta aos recoñecementos ás empresas ou entidades xa afianzadas, dicir que a Fundación salientou o labor de Mobles Hermida, COGAMI e máis a festa Arde Lucus.

PUBLICIDADE