Fujitsu celebra este xoves no CESGA os 20 anos da instalación do seu primeiro supercomputador europeo

mércores, 5 de xuño do 2013 Redacción

A compañía tecnolóxica xaponesa Fujitsu, unha das grandes firmas históricas en fabricación de equipamento TIC, celebra este xoves día 6 en Santiago os 20 anos de instalación do primeiro supercomputador da súa marca en Europa, nun acto que se vai a desenvolver na sede do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), no Campus Vida de Compostela. Segundo contan fontes do centro galego, o supercomputador VP2400 foi no intre da súa posta en marcha en 1993 o máis potente de España e o número 146 do mundo na lista Top500.org, así como “o corazón do equipamento do Centro de Supercomputación de Galicia nos seus primeiros anos”.
Dende aquela e até os nosos días, o devandito equipamento de Fujitsu achega servizo de cálculo avanzado á Xunta de Galicia, á comunidade investigadora do tres universidades galegas -Santiago, A Coruña e Vigo- e á do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). En conmemoración da efeméride, a división española da multinacional xaponesa organiza este xoves unha xornada tecnolóxica. A cita, informa a firma, “insírese tamén na celebración do 40 aniversario da compañía en España e, igualmente, do 400 aniversario de relacións hispano-xaponesas”. Neste acto, engaden fontes do CESGA, está prevista a participación de moitas das persoas que entón promoveron, organizaron, puxeron en marcha e utilizaron nos seus traballos o Centro de Supercomputación de Galicia. O acto deste xoves comeza ás 12.00 coa benvida do presidente de CESGA e director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela. A continuación o director de CESGA, Javier García Tobío, explicará a evolución do Centro, e lembrará as actividades e aos protagonistas dos primeiros anos, moitos dos cales asistirán a este evento.

PUBLICIDADE