Fraude suplantando á Axencia Tributaria por correo electrónico

mércores, 2 de setembro do 2009 Marcus Fernández

A mensaxe recibida por e-mail inclúe unha ligazón á unha páxina web que imita á da Axencia Tributaria

A Axencia Tributaria advertiu hoxe de que nos últimos días circulan pola Rede unha serie de mensaxes por correo electrónico que suplantan a identidade do ente (aparecen remitidas polo enderezo impuestos@aeat.es) para facer referencia a unha suposta devolución de impostos á que habería que acceder dende unha páxina web falsa na que piden os datos dunha tarxeta de crédito do beneficiario con clara intención de facerse con tal información para un posterior uso fraudulento da mesma, aínda que só picarían nesta astucia os usuarios que conten cun navegador web sen actualizar (o que practicamente estaría limitado ao Internet Explorer 6) xa que no resto de casos son moitas as advertencias que aparecen identificando a páxina web falsa coma fraudulenta.
Cómpre destacar que a Axencia Tributaria nunca solicita información confidencial, números de conta ou números de tarxeta de crédito por correo electrónico, de xeito que os usuarios deben desconfiar sempre que reciban solicitudes de información desta índole a través da Internet.
Neste momento parece que a páxina web á que remitíase ás vítimas deste phishing deixou de estar operativa, o que podería estar provocado polas medidas tomadas por parte das autoridades pertinentes para evitar estafas deste tipo, que desta volta foi magnificada por suplantar a un organismo público en vez de a unha entidade bancaria.

A meirande parte dos navegadores web advírtenos do perigo da páxina web que suplanta á Axencia Tributaria

PUBLICIDADE