Franco, Paco Vázquez e Galicia Bilingüe, recoñecidos nos Premios Antilingua Galega

xoves, 15 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

Finalmente xa coñecemos aos gañadores dos Premios Antilingua Galega, uns galardóns que foron convocados na Rede por Galicia Profunda para conmemorar a loita pola nosa fala pero en negativo (agora que xa se nos vén enriba a festa das Letras, este sábado 17). É dicir: que se recoñecen con este certame aos persoeiros que menos teñen feito ó longo da historia pola nosa cultura e co obxectivo de abrir vieiros sobre como non deben de facerse as cousas. Así, logo de dúas semanas nas que centos de internautas puideron escoller aos candidatos a través dunha votación en liña, os gañadores foron Franco, Paco Vázquez e Galicia Bilingüe.
Máis polo miúdo e segundo indica a organización, os ditos premios van dirixidos a reflexionar sobre o que as políticas erróneas en relación co noso idioma e coa súa progresiva perda de falantes, “sinalando quen son algúns dos responsables e como se poderían tomar medidas na defensa da lingua”, afirman.
Os premiados
· Franco: galardoado coa Boina de Ouro ao personaxe histórico que máis perseguiu o galego. As razóns achegadas polos internautas son varias, pero a organización salienta por riba de todo que Franco era un galego que perseguiu durante décadas unha lingua que falaban moitos dos seus paisanos, unha "mazá podre, podre" para o idioma.
· Francisco Vázquez: gañador do Sacho de Ouro ao que máis dano lle fixo ao galego nos últimos anos. “O seu rexeitamento frontal a que ‘A Coruña’ quedase sen o ‘L’ ficará marcado para sempre na memoria dos galegofalantes”, indica Galicia Profunda.
· Galicia Bilingüe: “Esta asociación”, sinalan os organizadores, “pretende botar abaixo o decreto de galeguización do ensino, no que se establece que, cando menos, o 50% das materias estarán impartidas en galego, un dos poucos grandes logros que conseguiu o galego nos últimos anos”.

PUBLICIDADE