Francisco Conde recibe á firma gañadora do reto de Coren en Galicia Open Future

mércores, 20 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Hoxe celebrouse en Santiago unha xuntanza arredor da edición 4.0 de Galicia Open Future, a iniciativa galega de crowdworking e aceleramento de iniciativas innovadoras de Telefónica e a Xunta. Na cita participaron o conselleiro de Economía, Francisco Conde, o director do Territorio Norte de Telefónica, Javier Zorrilla, o director de I+D+i do Grupo Coren, David Robledo, o director de Novas Tecnoloxías en Produción da cooperativa agroalimentaria, Fernando Pomares, a directora de GAIN, Patricia Argerey, e máis o director executivo (CEO) de Ymaging, Iván Amat. Segundo lembraron aos medios, Galicia Open Future 4.0 concibiuse en base a unha serie de retos lanzados ás empresas galegas para resolvelos con solucións tecnolóxicas concretas. Un destes desafíos foi guindado por Coren. A empresa que gañou a proposta foi Ymaging, precisamente.
Ymaging, para quen non o saiba, é unha nova firma barcelonesa especializada no desenvolvemento de sistemas para a interpretación automatizada de datos complexos, contando con experiencia para clientes de diferentes sectores como a biomedicina, a xeofísica ou a agricultura intelixente (smart farming)
A finalidade da xuntanza foi compartir co conselleiro, en detalle, as características do reto e as solucións expostas para Coren por Ymaging.
Por certo que a proposta achegada por Coren é a terceira proposta lanzada ao abeiro da Edición Retos Industria 4.0 de Galicia Open Future, logo das contribucións de Pescanova e FINSA, resoltas por Deicom e Conexiona. A solución que buscaba a compañía do sector agroalimentario (Como poden as novas tecnoloxías axudar a optimizar o proceso de cebo do porco?) enmárcase na dixitalización e optimización dos seus procesos na área porcina. En concreto, Coren pretende desenvolver a captura de datos e malia identificación dos animais, así como facer máis eficiente o seu proceso de pesado. O obxectivo, nas súas palabras, “é buscar solucións innovadoras que melloren a identificación e pesado dos animais, mediante un método que permita rexistrar datos de interese sobre cada exemplar de modo áxil e unívoco”. Isto permitirá á cooperativa galega obter información de valor para os seus procesos de traballo, logrando mellorar accións como a marcaxe dos animais e a estimación sobre cando alcanzará o peso óptimo.
Ademais de Ymaging, elixíronse ademais tres finalistas: a alianza Torusware e Biostatech, o Centro Tecnolóxico Gradiant e Merasys.
A selección do gañador e os finalistas foi efectuada por un comité de avaliación, tendo en conta como principais criterios o problema que resolve, o grao de adecuación da proposta ao reto que se expuxo, a adicación do equipo e o tempo de posta en marcha da solución.
Ymaging, logo de ter sido elixida a súa proposta, obterá unha axuda da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), de 20.000 euros para a posta en marcha do proxecto piloto. Ademais, tanto o gañador como o tres finalistas poderán acceder a un programa de aceleración dentro do ecosistema Open Future de Telefónica, e recibirán, ao finalizar, un patrocinio de 10.000 euros, achegado por GAIN, como recoñecemento ao seu esforzo innovador. Transcorrido o tempo de aceleración, seleccionarase ao mellor do tres finalistas, que recibirá unha axuda adicional de 10.000 euros achegada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Amais das achegas económicas directas, Xesgalicia concederá ao proxecto gañador un préstamo reembolsábel pola cantidade de diñeiro investido para a posta en marcha do piloto nas empresas, até un máximo de 100.000 euros. Ademais, poderá conceder aos finalistas un préstamo reembolsable de até 50.000 euros.

PUBLICIDADE