Formada a comisión de seguimento da Cátedra R en Ciberseguridade

mércores, 23 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

Hoxe constituíse a comisión de seguimento da Cátedra R en Ciberseguridade, unha nova iniciativa da operadora galega e das universidades de Vigo e Coruña para investigar, formar e divulgar coñecemento arredor da protección en liña e das tecnoloxías e metodoloxías que a fan posíbel de maneira efectiva. A presentación do equipo de seguimento realizouse na sede de R na Coruña, nun acto no que se fixo fincapé de que a cátedra é a primeira das súas características, interuniversitaria, que se pon en marcha na nosa terra.
A comisión encargarase de supervisar as accións derivadas do convenio asinado polas universidades e máis R para validar as accións que se vaian desenvolver, aprobar os orzamentos anuais en virtude da achega económica anual de R e elaborar unha Memoria anual da Cátedra R en Ciberseguridade. As persoas que compoñen a Comisión son: Ana Fernández. Vilas, coordinadora da Cátedra R en Ciberseguridade 2019 e do Mestrado na UVigo (Universidade de Vigo), Carlos Dafonte, coordinador do Mestrado na UDC (Universidade da Coruña), Rebeca P. Díaz Redondo, coordinadora do Grao en Enxeñaría de Telecomunicación (Universidade de Vigo), Francisco Javier Nóvoa de Manuel, representante do Persoal Docente e Investigador (Universidade da Coruña), Idoia Uriarte, responsábel de Seguridade da Información do Grupo Euskaltel (do que R forma parte) e Susana Rey, delegada de Protección de Datos do Grupo Euskaltel (do que R forma parte).
Máis detalles
A Cátedra R deuse a coñecer o mes pasado e o seu obxectivo é promover “o desenvolvemento das competencias profesionais do alumnado universitario, mellorar a capacitación e ampliar os coñecementos, técnicos e habilidades dos membros da comunidade universitaria e doutros profesionais”. Nun plano máis concreto, o seu fin último é “adaptar ese coñecemento ás necesidades das empresas, fomentando a formación continua, a innovación e a investigación na área da ciberseguridade”.
A Cátedra vai ter unha manchea de liñas de actuación, entre as que cómpre destacar as que citamos deseguido:
· Colaboración na docencia+investigación (Mestrado Interunivesitario en Ciberseguridade)
· Creación de programa de captación de talento (alumnado ambas as dúas Universidades)
· Creación de espazos para a difusión e o debate sobre ciberseguridade
· Capacitación en competencias relacionadas coa protección en liña tanto dentro da comunidade universitaria coma fóra dela, tendo en conta as necesidades competitivas das empresas.
Amais, no eido da formación e a difusión está programado cooperar en mestrados e outros estudos de posgrao, programas de formación permanente, patrocinio de bolsas predoutorais e posdoutorais, premios a proxectos de fin de grao ou mestrado, traballos e concursos de ideas, conferencias, seminarios, obradoiros, promoción de prácticas curriculares e extracurriculares, visitas a empresas, plans de formación de empresas e institucións, formación para a creación de empresas de base tecnolóxica...etc.
Por outra banda, no plano da I+D, impulsaranse ao seu abeiro liñas conxuntas de traballo para desenvolver proxectos a nivel galego, estatal e europeo; apoiaranse teses de doutoramento e outras de fin de grao, promoveranse encontros nacionais e internacionais de expertos nas áreas de interese da ciberseguridade, ademais de empurrar a contratación de grupos das universidades da Coruña e de Vigo para accións de innovación ou consultoría especializada na empresa.
A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e máis a Facultade de Informática da Universidade da Coruña poñerán a disposición da Cátedra R as súas instalacións para desenvolver todas estas actividades. A comisión de seguimento presentada hoxe encargarase de supervisar as accións derivadas do convenio.

PUBLICIDADE