Fonseca acolle este sábado unha xornada sobre ensino e colaboración na nube (RuralSchoolCloud)

venres, 9 de outubro do 2015 Redacción

Este sábado 10 de outubro o Colexio de Fonseca (Universidade de Santiago) acolle a xornada Escola, aprendizaxe e colaboración na nube, unha actividade inserida na conferencia final do proxecto europeo RuralSchoolCloud. Trátase, segundo informan os organizadores da xornada e da conferencia, dun gran evento de balde e aberto e todos os profesionais da docencia interesados nas novas tecnoloxías e na súa aplicación nos ámbitos rurais. O evento poderá ser tamén seguido en directo a través da web do propio proxecto. Comeza ás 9 horas no salón nobre do Colexio de Fonseca.
Trátase, como dixemos, do remate do proxecto europeo RuralSchoolCloud, coordinado polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) en colaboración coa USC, que continúa a iniciativa comezada no 2010 polo CESGA co seu premiado proxecto de investigación Rural Schools & Cloud Computing. Este proxecto, como lembraremos, ten a súa aplicación práctica nas integrantes da Rede de Escolas na Nube: dúas ducias de centros rurais agrupados en 4 CRAs.
A xornada está dirixida a docentes investigadores/as en educación e TIC, estudantes de maxisterio e pedagoxía, técnicos e administradores en políticas educativas, e en xeral, persoas interesadas ​​no emprego das TIC e a computación na nube en entorno escolar e en especial nas escolas rurais ou illadas.
O proxecto RuralSchoolCloud conta coa participación de institucións e escolas de 6 contornas europeas, Dinamarca (con escolas nas illas), Italia (rexión de Parma), Grecia (escolas da Tesalia), Gran Bretaña (escolas rurais do condado de Devon), Macedonia, e os 4 CRAs galegos xa participantes na Rede de Escolas na Nube.
Axenda do evento
09:00 Inscrición dos participantes.
09:30 Inauguración de acto por parte do Conselleiro de Educación, Román Rodríguez González.
09:35 Presentación da Axenda.
09:40 School on the Cloud towards unity not uniformity: The case of rural & remote schools. Kostis Koutsopoulos. (School on the Cloud Network).
10:00 Introdución ao proxecto RuralSchoolCloud. A experiencia, logros e productos. (Maria R Malmierca, coordinadora do proxecto, CESGA).
10:45 Café
11:15 As experiencias piloto do proxecto RuralSchoolCloud. Introducción. A actividade do proxecto nas escolas de Dinamarca (Raffaele Brahe-Orlandi, Universidade VIA, Dinamarca).
11:35 Mestres/as de Galicia presentan a súa participación e actividade no proxecto. (Directoras dos 4 CRAs participantes no proxecto).
12:00 Mestres/as de Gran Bretaña presentan a súa participación e actividades no proxecto.
12:30 Presentación das actividades das escolas gregas (Konstantina Zachari, AKETH, Trikala, Grecia).
12:40 Rede de Escolas na Nube . Iniciativa galega de computación na nube para as escolas rurais. (Directoras dos 4 CRAs participantes no proxecto).
13:45 Fin da sesión da mañá
14:00 Xantar de Traballo no claustro de Fonseca.
15:30 Comezo da sesión da tarde. Presentación da axenda.
15:40 Sesión de intercambio de iniciativas sobre escola, ruralidade e TIC.
(15 minutos exposición-10 minutos debate)
EDIXGAL. Experiencia do libro dixital en Galicia (Consellería de Educación).
Tabletas para a mellorar a creatividade e a aprendizaxe escolar. (Milagros Trigo, directora CPI o Cruce, Cerceda).
XIS na escola Rural. Unha experiencia no Courel. (Lourdes Soutelo, CPI Poeta Uxío Novoneyra Seoane, Folgoso do Caurel) eTwinning en escola rural. (Susana Vázquez Regueiro, teacher at CEIP San Xoán, Becerreá).
17:45 Pausa café
18:00 Sesión final e conclusións.
18:30 Fin do evento.

PUBLICIDADE