Fomentar o uso racional e seguro das TIC é o obxectivo estrela do Plan de Convivencia Escolar

mércores, 23 de febreiro do 2022 S. P.

Este martes 22 de febreiro celebrouse unha reunión de traballo arredor do Plan de Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar nos centros educativos galegos. A xuntanza, que serviu para constatar a importante reactivación da que está a ser o obxecto o plan, foi presidida polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, que salientou que o obxectivo de recuperar a presencialidade e de achegar máis de 1.300 accións formativas. Neste paquete de actividades, fomentar un uso racional e positivo das novas tecnoloxías e combater o ciberacoso configúranse como os dous temas centrais. A sesión na que participou o delegado foi a primeira en formato presencial dos últimos dous anos.
Participaron tamén o xefe de Área de Alta Inspección Educativa da Delegación do Goberno, Manuel Regueiro; as xefas das unidades de Violencia sobre a Muller de Galicia e das catro provincias, membros do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil e Inspección Educativa da Xunta.
Os datos, sinalaron, confirman a reactivación do Plan de Convivencia nos centros educativos de Galicia. “Estamos preto de chegar ás cifras de fai tres anos e penso que a finais deste curso recuperarémolas totalmente”, valorou o delegado. No primeiro trimestre deste curso participaron neste programa preto de 500 centros de toda Galicia: 152 da provincia da Coruña, 120 de Lugo, 46 de Ourense e 178 de Pontevedra.
Os equipos especializados de Policía e de Garda Civil realizaron nestes centros 1.364 actividades de formación e de prevención. Participaron nestas actividades 24.121 membros da comunidade educativa, dos que 22.500 eran alumnos e alumnas e o resto, profesorado e pais e nais. “Os datos non poden ser mellores”, afirmou o delegado.
Como dixemos, a maior parte das charlas estiveron centradas nas novas tecnoloxías da información, que protagonizaron un 44% do total de actividades. Séguenlle en relevancia o acoso escolar e a violencia de xénero. As charlas son impartidas por equipos especializados de gardas civís e policías nacionais de cada provincia.
Total de charlas no primeiro trimestre: 1.364
Novas tecnoloxías: 595
Acoso escolar: 269
Violencia de xénero: 164
Drogas e alcol: 112
Bandas xuvenís: 5
Outros e actividades complementarias: 61

PUBLICIDADE