Flipboard estrea a posibilidade de facer revistas personalizadas

mércores, 27 de marzo do 2013 Marcus Fernández

A aplicación móbil Flipboard, que facilita a creación de revistas personalizadas no móbil e no tablet (tanto con iOS coma con Android) partindo do que comparten os nosos amigos en plataformas como Facebook e Twitter, ou aproveitando unha importante selección de medios de todo o mundo, renóvase estreando versión 2.0, que como principal novidade ten a posibilidade de crear as nosas propias revistas engadindo os contidos que desexemos premendo un botón na aplicación ou a través dun marcador no noso navegador web, podendo quedar estas publicacións personalizadas para consumo propio ou facelas visibles para compartilas co resto do mundo.
Esta nova funcionalidade de Flipboard pode lembrarnos a Pocket (aplicación antes coñecida como Read It Later), pero presenta a información almacenada en formato de revista, o que resulta visualmente moi atractivo e cun uso moi natural, pois podemos pasar as follas coas novas e contidos que seleccionaramos pasando as páxinas co dedo.
Outras novidades de Flipboard é unha guía de contidos visual accesible dende a banda vermella que presenta a aplicación nun lateral (e que facilita o acceso á nosa táboa de contidos persoal, coas revistas que teñamos creado), a posibilidade de comentar en Flipboard, acceder a unha serie de novas recomendadas partindo das nosas interaccións sociais, subseccións nas publicacións incluídas (revistas, xornais e páxinas web), cambio de sección rápido e a posibilidade de integrar Flipboard coa nosa páxina de Facebook.


A nova versión de Flipboard vista en vídeo

PUBLICIDADE