Flickr tira partido da xeolocalización cun mapa do mundo cos lugares máis fotografados

xoves, 22 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

Flickr é coma un millóns de xanelas ó mundo ás que se accede a través dunha única porta. Amais diso, é un servizo web dos novos tempos, e como tal semella que paseniño pero sen pausa vaia abrindo novas parcelas para os usuarios. Dito doutra maneira: hai novos servizos dentro do servizo cada pouco tempo. A peza máis recente e unha das que máis se está a falar nos últimos días é a de Places, ferramenta que centraliza lugares fotografados polos usuarios e posteriormente xeolocalizados no Flickr, convertendo en obra colectiva e dándolle corpo único ó que até o de agora era máis iniciativa individual de cada internauta. O servizo, que en Chuza! aparece cualificado estes días como unha “xoia visual”, figura detallada polo miúdo no blog de Flickr e no propio espazo web do servizo, onde se presenta como un xeito de agradecerlles ós usuarios o traballo e o esforzo de ter pendurado as súas “grandiosas imaxes” nun mapa.
Grazas a isto, sinalan, foi posible poñer en marcha Places, achegando unha experiencia web que, a día de hoxe, probablemente sexa o máis semellante a viaxar polo mundo sen movernos do sitio que hai ó noso alcance. E co engadido de irmos da man de fotógrafos (xeralmente máis que aceptables) que xa estiveron alí.
A ferramenta dá conta neste intre de máis de 100.000 lugares especialmente interesantes a través das coleccións particulares dos internautas.
Amais de todo isto, Places inclúe un “mapa xenial do mundo” onde podemos xeoetiquetar as nosas imaxes e amosarlle ó mundo onde cae exactamente o sitio fotografado. A ferramenta é de dobre dirección, como case todas as xurdidas ó abeiro da Web 2.0. Ou sexa: permítenos dar conta da nosa viaxe e contarlla ó mundo ou ben poñernos na pel de meros receptores das viaxes de outros. Co fin de meternos en materia e por se temos algunha dúbida, Flickr vén de pór á nosa disposición unha gravación de pantalla da exploración do mapa.

PUBLICIDADE