Firmas referentes en IoT e blockchain mostrarán en Compostela o potencial destas tecnoloxías

venres, 21 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

APD vai organizar os días vindeiros unha xornada sobre as posibilidades dos obxectos conectados (Internet of Things) e das cadeas de bloques (blockchain), que son tecnoloxías que poñen un extra de seguridade e eficacia no almacenamento e na xestión de datos (con grandes potencialidades para sectores como a banca en liña, a industria enerxética ou o ecommerce). A cita, que conta coa colaboración do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación (COETG-AETG), celebrarase o 17 de xaneiro en Santiago de Compostela (Hotel Euroestars en San Lázaro) baixo o seguinte epígrafe: IoT e Blokchain, aplicacións reais na empresa (PDF).
Segundo explica APD, as devanditas tecnoloxías situáronse en apenas dous anos no centro do debate empresarial. “As posibilidades que se derivan da súa aplicación no mundo dos negocios son incontábeis, e nunha chea de casos afectan á mesma cerna de determinados sectores de actividades”, explican dende a asociación, engadindo que xa “son moitas as empresas que comezaron a reformular os seus modelos de negocio para situarse estratexicamente nos ditos ámbitos”.
A cita contará coa presenza (entre outras) de empresas galegas referentes nos eidos IoT e blockchain, como as galegas Xesol Innovation, R e Abanca, amais de Naust Marine Spain, Naos Arquitectura, GreenB2E e In.Tu.In.

PUBLICIDADE