Firefox prepara unha profunda renovación da súa marca

martes, 31 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Aínda que os cambios de imaxe de Firefox son relativamente frecuentes, normalmente limítanse a unha estilización do seu logotipo orixinal dun oso panda vermello (ou un raposo cun rabo en chamas, segundo a quen se lle pregunte) rodeando o mundo, con cambios tan lixeiros que tenden a pasar desapercibidos para os usuarios; pero agora dende a Fundación Mozilla queren renovar completamente a súa imaxe de marca, de xeito que comparten cos usuarios as liñas nas que pretenden facer evolucionar os logotipos e patróns gráficos asociados a Firefox.
Consideran que o logotipo actual non ofrece elementos de deseño dabondo para representar toda a familia de produtos asociados á marca Firefox, de aí que teñan lista toda unha serie de iconas para o navegador e outras aplicacións e servizos con dúas grandes liñas de deseño, acompañadas tamén con patróns gráficos, tipografías, animacións... para que Firefox poida desenvolverse como unha marca completa.
Esperan que a reacción do público axude na decisión do deseño final, que irán pulindo nos vindeiros meses, deixando claro que non están a abrir tal decisión ao público, nin a nivel de deseño nin mediante votacións, senón que, simplemente, ao estar nunha comunidade aberta, queren realizar estes cambios dun xeito transparente e participativo. Queren así escoitar a opinión da comunidade para así coñecer mellor se están a avanzar polo bo camiño e a evolución da marca representa axeitadamente o que perseguen.

PUBLICIDADE