Firefox actualízase para adaptarse mellor a Windows 10

mércores, 12 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Aínda que o navegador da Fundación Mozilla aínda non está dispoñible na tenda de aplicacións de Windows 10, si vén de actualizarse para optimizar a súa interface para casar mellor coa actualización do sistema operativo de Microsoft, de xeito que a partires da versión 40 de Firefox temos un navegador web que presenta un comportamento acorde cos cambios introducidos en Windows. Sobre dicir que a nova versión de Firefox tamén está dispoñible debidamente localizada ao galego.
Coa nova actualización de Firefox podemos apreciar cambios na barra superior do programa e na súa tipografía, de xeito que presentaría unha aparencia semellante á que ten Microsoft Edge, pero mantendo todas as prestacións propias de Firefox como son as súas numerosas extensións. Tamén a súa filosofía de desenvolvemento e a súa dispoñibilidade multi-plataforma son argumentos para optar por este navegador web alternativo que, pese perdido moitos usuarios fronte a Google Chrome, continúa a mellorar e a actualizarse con grande frecuencia.

PUBLICIDADE