Firefox actualízase á versión 15 (tamén en Android)

martes, 28 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Xa está aquí a versión 15 do navegador web Firefox, que pode descargarse na súa versión en galego para Windows, OS X e Linux, que destaca especialmente pola optimización do uso de memoria para os engadidos e por contar cun sistema de actualizacións máis silencioso, pois agora as descargas de novas versións do Firefox realízanse de fondo para instalarse no seguinte inicio da aplicación sen que o usuario o perciba.
O navegador web de Mozilla tamén incorpora soporte para o protocolo de rede v3 para SPDY, inclúe melloras en WebGL (incluíndo texturas comprimidas para un mellor rendemento) e incorpora a localización para unha nova lingua (maithili, unha das linguas da India). Como noutras ocasións incorporaron novas prestacións para desenvolvedores e incrementouse o soporte de HTML5 (como o soporte nativo do codec de audio Opus).
A versión de Firefox para Android tamén se actualizou hoxe, con numerosas actualizacións e melloras, entre as que hai que destacar unha interface de usuario nativa para tablets, que supón un inicio máis rápido e unha nova barra de navegación/busca.

Así é a nova aparencia de Firefox para tablets Android

PUBLICIDADE