Finalizan o desenvolvemento de Windows 7

xoves, 23 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Steve Sinofsky e Steve Ballmer anunciando o Windows 7 nunha imaxe tomada por Brandon LeBlanc en Atlanta

Microsoft anunciou o peche da versión Ready To Manufacturing (RTM) de Windows 7, ou o que é o mesmo, que o novo sistema operativo da compañía de Redmond xa está rematado, remitíndose copias do mesmo a fabricantes de software e hardware para que poidan adaptar os seus produtos ao novo S.O. para que non haxa problemas no seu lanzamento final o vindeiro 22 de outubro.
A versión 7.600 do Windows 7 é a considerada RTM, e inclúe todas as linguas nas que se publicará inicialmente o novo sistema operativo, incorporando moitas das achegas que fixeron fabricantes e usuarios durante os moitos meses que leva o produto en beta pública (á que contribuíron máis de 10 millóns de persoas).
Curiosamente a versión de Windows 7 que confirma Microsoft coma RTM é a que leva preto dunha semana circulando a través de BitTorrent, no que é un episodio máis da longa historia de filtracións do Windows 7 que dá a entender que hai un grande interese polo sucesor do Windows Vista.

PUBLICIDADE