Final Cut Pro recibe o Mac Pro cunha importante actualización

xoves, 19 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Os novos Mac Pro de Apple están por fin dispoñibles para a súa venda, de xeito que os profesionais que precisen dun equipo de altas prestacións poden optar por facerse cun destes equipos por un prezo que van entre os 3.049 euros ata os 9.649,01 euros (sen incluír nin monitor nin accesorios), recibíndose os ordenadores no mes de xaneiro; e aproveitando este lanzamento, unha das aplicacións de éxito para este tipo de equipos, o Final Cut Pro, actualízase para poder aproveitar a configuración do Mac Pro no seu desempeño, soportar a monitorización de vídeo ata 4K mediante Thunderbolt 2 e HDMI (nos equipos capaces de mover vídeo con tal largo de banda) e incluso incorporando contido 4K (incluíndo títulos, transicións e xeradores).
A aplicación recibe moitas outras novidades, como copias de seguridade automáticas nunha ubicación en rede ou nunha unidade especificada polo usuario, compatibilidade nativa con arquivos MTS e MT2S de cámaras AVCHD, importación de fotografías de dispositivos iOS, publicación directa en YouTube a unha resolución de 4K e a posibilidade de empregar a aplicación en español.
Esta aplicación para OS X pode adquirirse por 269,99 euros, prezo moi competitivo para unha ferramenta de uso profesional.

PUBLICIDADE