Fin de semana negra para WhatsApp e Telegram

luns, 24 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

A pasada fin de semana a mensaxería instantánea no móbil converteuse nun asunto de máxima actualidade, non porque se comentase a compra de WhatsApp por parte de Facebook por unha cantidade económica astronómica, senón porque o servizo fundado por Brian Acton e Jan Koum viviu un dos seus peores momentos da súa historia, cunha caída de máis de 3 horas que sería a máis longa e de maior impacto dos últimos anos, ao parecer por mor dun router defectuoso, que provocou un fallo en cascada, de xeito que a nivel mundial deixaron de poder enviarse nin recibirse mensaxes a través de WhatsApp.
Esta incidencia no servizo tivo un impacto especial en España, por coincidir nun sábado pola noite, onde o uso de WhatsApp é unha peza importante do lecer nocturno, provocando que moitos usuarios decidisen que era un bo momento para probar a aplicación da que se vén falando moito nas últimas semanas, Telegram, vaga que provocou grandes problemas de funcionamento nesta plataforma, especialmente en Europa, onde deixou de funcionar o sistema de mensaxes de texto, e tiveron que tomar medidas temporais como suspender o envío de imaxes para poder atender á alta demanda do servizo.

Durante o domingo Telegram recibiu o rexistro de 4 millóns de novos usuarios

Dende Telegram chegaron a asegurar durante a caída de WhatsApp que rexistraban 100 novos rexistros por segundo, e estiman que durante a xornada seguinte conseguiron incrementar a súa base de usuarios rexistrados en 4 millóns, o que sería o que provocaría o mal funcionamento do servizo que ten a aspiración de consolidarse como a principal alternativa a WhatsApp, aínda que tras os problemas das últimas horas non parece que moitos usuarios quedasen convencidos de que fose doado substituír un sistema de mensaxería que en países como España é empregado de xeito masivo e practicamente adoptou o lugar das SMS e de solucións de chat como BlackBerry Messenger.
Aínda que moitos usuarios de WhatsApp manifesten a súa preocupación polo feito de que a compañía pase a ser propiedade de Facebook, parece difícil que vaia producirse un grande cambio de tendencia neste sector, pois a adopción de WhatsApp é extraordinariamente profunda, con usuarios que mandan de media máis de 1.200 mensaxes ao mes, reciben máis de 2.200 mensaxes e suben máis de 40 fotografías, volume de información claramente difícil de manexar, o que supón todo un reto para calquera compañía que queira entrar a competir nese complicado sector.

PUBLICIDADE