Fíltrase a aplicación oficial de Facebook para iPad

martes, 26 de xullo do 2011 Marcus Fernández

Mark Zuckerberg leva un tempo asegurando que o iPad non é un dispositivo móbil, polo que non considera que sexa necesaria unha aplicación de Facebook para tal plataforma, pese a que o público estaba a pedila a gritos, polo que foi unha agradable sorpresa que descubrisen que dentro da aplicación oficial de Facebook para iPod Touch e iPhone estaba agochada unha versión de proba de Facebook para iPad, que pode activarse modificando un ficheiro de configuración (proceso doado de facer en dispositivos con jailbreak instalando un paquete chamado FaceForward a través de Cydia).
A aplicación oculta parece bastante robusta, e cubre moitas das funcionalidades básicas de Facebook, como os taboleiros de usuario, as mensaxes privadas, os álbums fotográficos, Facebook Lugares... polo que parece probable que en poucas semanas vexa a luz oficialmente. Estariamos ante unha ferramenta que lembra a outras aplicacións para iPad que facilitaban o acceso a Facebook dende o iPad (como MyPad+) aínda que unha estética máis sobria, recuperando conceptos como o dos paneis laterais que tanto éxito tiveron na aplicación de Twitter e que están a converterse en todo un estándar en dispositivos con pantallas táctiles.
Nas últimas horas tamén apareceron queixas de usuarios que advirten que tras activar a nova aplicación no seu iPad, resúltalles imposible identificarse a través da mesma, o que parece estar provocado por un bloqueo de Facebook de versión modificadas da súa aplicación para iOS (aínda que no momento de escribir estas liñas non tivemos ese problema utilizando FaceForward para desbloquear a versión para iPad da aplicación de Facebook).

A aplicación cubre a meirande parte de prestacións de Facebook

PUBLICIDADE