Fíltranse máis de 100.000 fotografías de Snapchat

venres, 10 de outubro do 2014 Marcus Fernández

As fotografías filtradas poderían proceder do servizo web que operaba hai meses baixo o dominio SnapSaved.com

Parece que a filtración masiva de fotografías íntimas estase a converter nalgo habitual na Rede, pero desta volta non son celebridades as afectadas, senón que, segundo parece, máis de 100.000 fotografías de usuarios particulares poderían terse filtrado en foros como 4chan e outras páxinas web e que inicialmente parecían proceder da aplicación móbil Snapchat, de aí que alcumasen a este incidente como The Snappening.
Lembremos que as fotografías intercambiadas a través de Snapchat teñen a intención de ser fugaces, borrándose automaticamente ao pouco de verse, polo que sorprende que unha biblioteca de imaxes deste servizo con 13 Gb de fotografías vesen a luz na Rede e, aínda que inicialmente se pensou que Snapchat puidese ter padecido unha intromisión ou circulase unha aplicación móbil de terceiros para acceder ao servizo, que fose insegura, e almacenase na nube os documentos que debería ter borrado, pero finalmente aseguran que a orixe desta filtración masiva de fotografías proviría de SnapSaved.com, un servizo web que actuaría como un cliente en liña de Snapchat para facilitar a recepción de fotografías e vídeos de Snapchat para facilitar o seu gardado. Esta web estaría a almacenar indiscriminadamente os contidos intercambiados polos usuarios de Snapchat que se rexistran no mesmo e, aínda que desapareceu hai uns meses, as imaxes que almacenou durante o seu funcionamento corresponderíanse co material que agora veu a luz.
Esta filtración resulta especialmente preocupante polo feito de que a metade dos usuarios de Snapchat son mozos de entre 13 e 17 anos, polo que boa parte do material filtrado podería chegar a considerarse pornografía infantil.

PUBLICIDADE