Fíltranse imaxes do que podería ser o primeiro móbil con BlackBerry 10

mércores, 12 de decembro do 2012 Marcus Fernández

Aínda que os móbiles con BlackBerry 10 non chegarán ata primeiros de 2013, e os terminais que soportarán a nova plataforma non se presentaron oficialmente, están a chegar filtracións sobre os mesmos, e o blog vietnamita Tinh Tế publicou tanto imaxes detalladas como un vídeo no que vemos o que sería un dos terminais da serie L dos novos móbiles de RIM que funciona con pantalla táctil (paralelamente agárdase a comercialización de móbiles co tradicional teclado QWERTY).
Polo que podemos ver, os novos terminais terían un acabado bastante atractivo (que incluso pode lembrarnos ao iPhone 5), con detalles significativos como carecer de botóns físicos na súa parte frontal, ter unha parte traseira extraíble (o que facilita o acceso á súa batería extraíble, ao seu lector de tarxetas microSD e á súa rañura para tarxetas SIM), porto microHDMI e batería de 1.800 mAh, que posiblemente poderemos atopar no mercado o vindeiro mes de marzo.

O novo smartphone de RIM visto por detrás


Vídeo no que podemos ver en detalle o futuro móbil de RIM con BlackBerry 10

PUBLICIDADE