Filtran unha imaxe do que serían os novos iPhone XS

xoves, 30 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Apple anunciou hoxe que celebrará un evento especial o vindeiro día 12 no Steve Jobs Theater, no que espérase que presente o novo iPhone, pero unha vez máis as filtracións poderían estragar boa parte das sorpresas que teñen gardadas en Cupertino, xa que dende 9to5Mac desvelaron imaxes dos novos iPhone e dos novos Apple Watch das que poden sacarse moitas conclusións.
No que aos smartphones se refire, a publicación norteamericana asegura que Apple presentará cando menos un par de teléfonos chamados iPhone XS, que terán pantallas OLED de 5,8 e 6,5 polgadas e, aparte do novo tamaño, tamén habería modelos en cor dourada. Confirmaríanse así os rumores que levan moitos meses circulando, que apuntaban a que o deseño do iPhone X aproveitaríase tamén para un teléfono de maior pantalla. Tamén hai un ruxerruxe sobre un posible modelo económico con pantalla con tecnoloxía LCD en vez de OLED, que lembraría ao lanzamento do iPhone SE.
Dende 9to5Mac tamén confían en que o día 12 se presente o Apple Watch series 4, que segundo a imaxe filtrada, tería unha pantalla un 15% máis grande, aínda que principalmente o que faría sería reducir os seus marcos, conseguindo así un maior aproveitamento da frontal do reloxo de pulso, que agora podería amosar en pantalla até 8 complicacións na súa esfera analóxica.
Na imaxe do reloxo filtrada tamén pode verse unha coroa dixital e un botón lateral redeseñados, así como un orificio que podería ser un micrófono adicional.

PUBLICIDADE