Filtran á Internet 5 películas sen estrear de Sony Pictures

luns, 1 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Fury é unha das cinco películas filtradas a pasada fin de semana

Durante a semana pasada xurdiron rumores de que Sony estaría a estar a ser vítima dun ataque informático do que non daba detalles, e aínda que a última vez que a compañía tivo un grave problema de seguridade foron os usuarios os que o padeceron (falamos do PSNGate de 2011) desta volta a grande afectada parece que é a compañía, xa que durante a fin de semana filtráronse á Rede copias de 5 filmes que aínda non se estrearan en salas comerciais, o que podería ocasionar perdas multi-millonarias para a compañía nipoa.
Entre as producións que apareceron na Rede figuran Fury, a grande produción ambientada na Segunda Guerra Mundial con Bad Pitt como protagonista; o remake do musical Annie que buscaba ser unha das grandes estreas do Nadal; o biopic Mr. Turner; o filme de Julianne Moore Still Alice; e To Write Love on Her Arms, que non chegaría ás pantallas norteamericanas até o 15 de marzo (polo que estariamos ante unha filtración tan anticipada que non nos consta un precedente semellante.

The Interview sería a película que tería provocado a Corea do Norte

Aínda que queda moita investigación por diante, hai evidencias que apuntan a que a orixe da filtración estaría en Corea do Norte, supostamente polo malestar que no país está a causar a comedia de Seth Rogen e Jess Franco The Interview, na que un par de xornalistas televisivos que tentan entrevistar a Kim Jong-Un e vense involucrados pola CIA nunha operación para asasinalo.
Dende The Wall Street Journal aseguran que a investigación sobre o ataque apunta a un código malicioso que en 2013 se empregou para atacar a compañías surcoreanas e que atribuíuse a Corea do Norte, de aí que continúen as sospeitas sobre a ditadura asiática.
Aínda que a filtración de películas é a consecuencia máis visible da vulneración da seguridade de Sony Pictures, aseguran que se roubaron uns 11 Tb de datos entre os que habería moita información sensible (como documentos con información persoal de traballadores, cartafoles de correo electrónico, documentación dos sistemas informáticos da empresa...) polo que nas vindeiras semanas poderiamos saber aínda máis desta intrusión.

PUBLICIDADE