Fiat Brasil déixase seducir polo clima de traballo do software libre

martes, 4 de agosto do 2009 Fernando Sarasketa

Semella que algo está a cambiar definitivamente na industria do automóbil, se cadra pola crise ou ben porque os potenciais compradores xa non son os mesmos, e xa hai unha boa cantidade de xente (interesante mercado alternativo) que demanda dunha vez por todas vehículos máis limpos, máis sostibles e, sobre todo, máis económicos e igual de útiles e competitivos cós automóbiles de toda a vida. Se hai días Renault convidaba aos seareiros a experimentar co seu prototipo de coche eléctrico (que lanzará de masivo dentro duns 18 meses), agora toca falar de Fiat, quen adaptará ao seu propio sistema produtivo os preceptos da programación aberta, polo menos no que se refire ao Mio, un proxecto que colle corpo en Fiat Brasil, e non é casualidade que así sexa. Sobre todo, se temos en conta que o país irmán é un dos valedores por excelencia da programación aberta e un dos grandes promotores das vantaxes do software libre a todos os niveis.
O resultado de todo isto xa o podemos ver en fiatmio.cc, o equivalente automobilístico a un obradoiro de informática aberta. Dende esta páxina web, face visible do proxecto Mio, anímase á comunidade de desenvolvedores e deseñadores de todo o mundo a pór o seu gran de area na creación colectiva dun vehículo con licenzas de propiedade abertas.
A idea é que os enxeñeiros de Fiat lancen o prototipo colaborativo para que logo todas e todos poidamos tirar ideas, mesmo fabricantes de outros vehículos. Non haberá peza ou parte do vehículo que fique sen estar a disposición da creatividade multitudinaria, dende o motor, a carrozaría, o equipamento de seguridade até os materiais a empregar. A idea, como dixemos, é tirar partido das vantaxes do segredo ao descuberto, precisamente o contrario da estratexia a seguir pola industria privativa (da que Fiat, cómpre non levarse a engano, tamén ten formado parte). O froito de todo isto será o Fiat Concept Car III (o de Concept alude á súa condición de prototipo), que será dado a coñece no Salón Internacional do Automóbil en 2010 (en outubro do ano que vén en São Paulo).
A nova sobre o desenvolvemento aparece estes días referenciada na comunidade Chuza!

PUBLICIDADE