Ferrol instalará tres dispositivos de xestión electrónica coa Administración local

xoves, 12 de maio do 2022 S. P.

O Concello de Ferrol vai instalar no municipio catro dispositivos de xestión electrónica coa Administración local, tres na zona urbana e un no ámbito rural. A medida foi anunciada polo concelleiro responsábel do Centro de Recursos Informáticos e Organización Interna, Julián Reina, quen deu conta dos detalles do proxecto, co-financiábel polo fondo europeo FEDER ao abeiro da EDUSI Ría de Ferrol, Cidade 2020.
O edil, quen referiuse a estes dispositivos como “caixeiros electrónicos”, explicou que o que se pretende é “facilitar ao conxunto da poboación de Ferrol o desenvolvemento das xestións administrativas dun xeito electrónico co Concello, sobre todo a aqueles que non dispoñen de medios electrónicos nos seus fogares, sen limitación de horarios e sen esperar colas”.
Con este proxecto “pretendemos avanzar na implantación en Ferrol dunha Administración Electrónica plena”, dixo, engadindo que o Concello está a desenvolver nos últimos anos “un continuo proceso de ampliación dos servizos electrónicos ofrecidos tanto á cidadanía como ao persoal que integra a Administración local”. É o caso, engadiu, das xestións que se poden realizar a través da sede electrónica. Co fin de proseguir neste labor, a de “lograr unha administración máis eficaz, eficiente e preto ao cidadán”, crearanse “novas canles de comunicación que permitirán aos usuarios interactuar coa Administración local dun xeito máis sinxelo e áxil”. Segundo apuntou, “esta iniciativa vai contribuír á transformación de Ferrol nunha cidade máis intelixente”.
A instalación destes dispositivos na rúa “vai mellorar a accesibilidade dos trámites á poboación ferrolá ao tempo que se fomenta a transparencia e o desenvolvemento da Sociedade da Información promovendo a realización de trámites electrónicos coa Administración local”. Deste modo, apuntou o concelleiro, “aumentará o número de usuarios que facen uso da eAdministración”.
Reina explicou que na actualidade o Concello está a traballar no pregos que definirán a instalación dos novos dispositivos, que está previsto que entren en funcionamento antes de decembro de 2023.

PUBLICIDADE