Ferrol amosará aos seus empresarios as posibilidades das TIC para o turismo

martes, 14 de xuño do 2016 Fernando Sarasketa

Ferrol quere darse a coñecer nas redes. Logo do Blog Trip do que falamos onte en Código Cero (no que participaron blogueiros de todo o ámbito estatal para entraren en contacto cos reclamos turísticos do concello e da súa contorna), agora o Goberno local vén de dar a coñecer a vindeira edición (a segunda) do Foro de Turismo e Márketing, Fortumark. A iniciativa foi presentada polo concelleiro de Turismo, Bruno Díaz, quen explicou que se vai celebrar do 20 ao 22 de xuño e que vai converter a cidade no “epicentro da mercadotecnia aplicada ao turismo”. O encontro é froito do convenio Plan de Competitividade Turística 2015 asinado entre a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Ferrol.
O concelleiro de Turismo, Bruno Díaz, informou que o evento formativo diríxese sobre todo a empresarios do sector turístico e do comercio de Ferrol e comarcas, así como a asociacións empresariais da zona, que poderán participar de balde. “Forturmark”, dixo, “ten como fin amosar as innovacións e boas prácticas de mercadotecnia e comunicación que xa desenvolven as empresas de gran envergadura”. Amais, quere visualizar estes achados e instrumentos perante os empresarios locais co obxectivo de que lles tiren cumprido proveito, “adaptándoos ás características de cadanseu negocio ao menor custo posible ou a custo 0, grazas ás tecnoloxías”.
A cita será no Parador de Ferrol. Do día 20 ao 22, en horario de tarde, haberá relatorios e cursos con actividades de interacción cos participantes. Os días 21 e 22, en horario de mañá, desenvolveranse actividades de consultoría e formacións individualizadas para analizar a presenza das empresas locais en Google e mellorala a través da súa xeolocalización e nas redes sociais, así como propostas para elaborar un plan de mellora.
Participarán Isaac Vidal (co seu obradoiro-conferencia sobre Inbound Márketing, explicando como atraer, converter, pechar e lograr a fidelidade do cliente en liña e introducindo aos participantes na metodoloxía Inbound de maneira moi sinxela e clara), Gersón Beltrán (impartindo o curso O teu negocio social, local e móbil, a través do cal explicará a importancia da xeración de contidos online para a promoción de negocios e destinos, amosando tamén como xerar contido local e como comunicalo, medindo o seu impacto) ou o ferrolán Luís Fraga, que será o encargado de pór o punto e final ao evento co seu relatorio Media Training, unha sesión teórica e práctica para introducirnos no mundo dos medios de comunicación.

PUBLICIDADE