Ferrol acolle unha xornada sobre os estaleiros do futuro

luns, 28 de novembro do 2016 Redacción

O Salón de Actos do Campus Industrial de Ferrol acollerá mañá a I Xornada Estaleiro 4.0, o estaleiro do futuro, organizada pola Unidade Mixta de Investigación UDC-Navantia.
As conferencias comezarán ás 9:30 horas coa benvida dos coordinadores do evento, Carlos Merino, director da UMI UDC-Navantia, e Daniel Pena, catedrático da Universidade da Coruña. A Xornada estará divida en distintos módulos nos que se tocarán temas de máximo interese e contará coa participación de importantes personalidades ligadas ao mundo dos estaleiros e da universidade.
Entre os temas do programa destacan o Modelado e Simulación xunto coa Optimización de Procesos nos Estaleiros, Robótica e Automatización e Eólica Mariña. Ademais doutras areas como o Auto IDE de tubaxes e Información en Planta xunto con temas ligados á disciplina da electrónica do futuro, Proxecto Sen cables onde se exporán os máis modernos sistemas empregados en buques sen cables e todo o sistema eléctrico que supón. Como peche outras modalidades como o uso de Adhesivos na Construción Naval, como se xestiona a información e os sistemas auto-reconfigurables.
A xornada concluirá ás 14:15 horas, cando será clausurada pola vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya.

PUBLICIDADE