Fernando Suárez e Antonio Rial, no comité estatal de expertos para a creación dunha Rede segura para os menores

mércores, 13 de marzo do 2024 S. P.

Fernando Suárez, presidente do CPEIG

Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e Antonio Rial Boubeta, profesor da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago e experto en adiccións xuvenís e membro do Alto Comisionado da UNESCO para a loita contra o acoso escolar e o ciberacoso, foron escollidos polo Goberno para entrar a formar parte do comité de expertos establecido para deseñar unha estratexia de país que promova un contorno dixital seguro para as nenas, nenos e adolescentes.
Antonio Rial Boubeta e Fernando Suárez Lorenzo son os dous únicos representantes galegos no comité de expertos.

Antonio Rial nunha imaxe de AFundación

A creación do equipo de traballo foi aprobada os días pasados polo Consello de Ministros, que estableceu que a súa función será a de “deseñar unha estratexia nacional destinada a fomentar unha contorna dixital segura dirixido especificamente á poboación infantil e adolescente”.
A base de traballo do comité virá con tres piares fundamentais: a necesidade de aprobar unha lexislación integral para a protección de menores na Internet; a urxencia por impulsar unha estratexia de enfoque multidisciplinario desde a educación, “xa que a prevención e a formación desempeñan un papel crucial no fomento dunha contorna dixital segura”; a promoción de avances no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas destinadas a impedir o acceso de menores de idade a contidos para adultos.
En definitiva, o obxectivo deste comité consiste en “alcanzar un acordo interxeracional a nivel nacional que posibilite que nenas, nenos e adolescentes gocen dos beneficios da tecnoloxía, garantindo unha navegación segura na Rede, dando prioridade á defensa dos seus dereitos e brindándolles a oportunidade de participar na toma de decisións”.

PUBLICIDADE