Fernando Jiménez asume a xerencia do centro tecnolóxico Gradiant

martes, 9 de abril do 2013 Redacción

O santiagués Fernando Jiménez Míguez incorporouse o pasado día 2 de abril ao equipo de Gradiant asumindo o rol de xerente, cargo dende o que terá que enfrontarse cos retos do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia e contribuír á acadar a organización interna que un centro maduro como Gradiant precisa. A súa actividade centrarase en trasladar ao Centro a súa dilatada experiencia en xestión empresarial para “enfocar exhaustivamente a I+D de Gradiant á empresa e converter o Centro no referente tecnolóxico de calquera entidade”.
O novo administrador de Gradiant é enxeñeiro superior de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo, máster en Xestión e Dirección de Empresas por ICADE e con formación específica en xestión da innovación e tamén en xestión de negocios dixitais, comezando a súa carreira profesional no ámbito das operadoras de telefonía. Tamén foi director territorial para o norte de España de ACISA, director xeral da plataforma de contidos dixitais Meubook e responsable da división de comercio electrónico do selo de moda Adolfo Domínguez, ata a súa incorporación a Gradiant como xerente.

PUBLICIDADE