Feliz 2021!

xoves, 31 de decembro do 2020 Marcus Fernández

Un ano máis chega á súa fin, aínda que desta volta hai unanimidade en deixar pasar un 2020 que moitos quererían esquecer polo impacto que a pandemia tivo na sanidade, na sociedade e na economía, pero non sería xusto esquecer que no sector tecnolóxico foi un ano de contrastes que sen dúbida deixará unha fonda pegada.
Falamos dun 2020 no que se cancelaron todos os grandes eventos tecnolóxicos presenciais a partir do Mobile World Congress de Barcelona, o que provocou a reformulación de todo o calendario tecnolóxico e a reinvención de numerosas presentacións que adoptaron formatos virtuais que en moitos casos viñeron para quedar, xa que moitos sectores descubriron as vantaxes de chegar ao público directamente e sen depender de grandes citas.
Para os cidadáns tamén supuxo a proliferación do teletraballo e da educación en liña, unha maior confianza no comercio electrónico e unha aposta decidida polo lecer electrónico en liña, de xeito que, aínda que vivísemos momentos duros, podemos ver a crise como unha oportunidade da que o hipersector TIC pode saír moi fortalecido, e con esa esperanza queremos comezar 2021, ano que tamén terá uns inicios complexos, pero que promete mellorar a bo ritmo e que así poidamos encaralo co optimismo que merece a entrada do Aninovo.
Por iso, desexamos o mellor a todos os nosos lectores, e que este 2021 traia todo o bo que non trouxo o ano 2020.

PUBLICIDADE