Feiraco lanza un blog para estar aínda máis preto dos consumidores

xoves, 27 de marzo do 2014 Redacción

Feiraco quere estar máis preto da xente e elixe Internet para ir dándolle pulo a esta estratexia. A isto responde a apertura dun blog de seu que a sociedade cooperativa quere empregar para falar de “ti a ti” co consumidor. Este novo espazo en liña fornecerá contidos sobre o eido leiteiro dun xeito ameno e distendido (de onde vén o leite, que contén, que vantaxes subministra para a nosa saúde), ao tempo que irá dando conta das novidades da compañía, dos seus proxectos de innovación alimentaria en desenvolvemento e por suposto dos seus actuais produtos estrela (por exemplo o leite Unicla, que abrangue a entrada máis recente).
O blog, moi axeitado polo seu carácter visual e atractivo para os máis cativos, será tamén un xeito de recadar o punto de vista dos consumidores. Achegaráselles aos internautas a posibilidade de comentar en tempo real as entradas, participar en debates e mesmo xeralos. O caderno preséntase en galego e castelán e artéllase en catro categorías: Alimentando un xeito de ser, Innovación, Alimentación e Nenos.

PUBLICIDADE