Feedly actualiza a súa aplicación oficial para Android

mércores, 16 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Feedly renovou o seu widget para Android

O servizo que está a coller o relevo de Google Reader no que se refire a adopción masiva é sen dúbida Feedly, e aínda que ten unha API que facilita que varias aplicacións de terceiros permitan a súa visualización en dispositivos móbiles (Nextgen Reader, Feedly...) tamén conta con aplicacións oficiais, das que vén de renovarse a de Android, que chega á versión 17, no que é un importante cambio nesta ferramenta que modifica o seu widget para integrar Feedly nos menús de Android, consegue iniciarse un 300% máis rápido, consegue unha experiencia de desprazamento máis fluído, mellora as súas fontes de letra e o seu deseño visual, inclúe a posibilidade de que os usuarios de pagamento poidan realizar buscas, estrea unha sección para descubrir contidos, mellora a busca de feeds, non se auto-refresca ao reiniciarse, integra o novo SDK de Facebook e faise compatible co Galaxy Gear de Samsung.
Esta aplicación para Android debería estar a experimentar unha grande mellora, aínda que hai moitos usuarios que quéixanse en Google Play de problemas coa última actualización, polo que é de agardar que en poucas horas corrixan os fallos xurdidos para poder consolidar as interesantes novidades das que presume o cada vez máis digno herdeiro da plataforma de lectura de feeds de Google.
A aplicación para iOS de Feedly tamén gozará destas novidades en breve, pois xa se enviou á App Store hai varios días.

A aplicación oficial é un dos xeitos máis empregados para acceder a Feedly dende Android

PUBLICIDADE