Falece o inventor das casetes de música

mércores, 10 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Lou Ottens nunha fotografía de Jordi Huisman tomada en 2007

A pasada fin de semana faleceu o enxeñeiro Lodewijk Frederik Lou Ottens, aos 94 anos de idade, polo que dicimos adeus a un inventor pouco recoñecido, a quen debemos, entre outras cousas, a cinta de casete, creada por Philips Hasselt a primeiros dos anos 60, establecéndose unhas especificacións que darían lugar a un soporte de referencia durante décadas.
A primeira gravadora de casetes portátil na que traballou Ottens foi a Philips EL 3300, botando a andar unha liña de produtos de grande éxito, que segundo estimacións poderían terse chegado a producir até 100.000 millóns de cintas de caseta.

A Philips EL 3300 foi a primeira gravadora de casetes portátil

Lou Ottens foi director de Philips Hasselt entre 1969 e 1972; pasou a ser director de Philips Audio entre 1972 e 1979; e tamén formou parte do equipo técnico que construíu o primeiro modelo de laboratorio de disco dixital en 1977, ou sexa, que tamén podería considerarse como un dos pais do Compact Disc (CD).
En 1979 Ottens pasou a ocupar a dirección de Philips Video, onde desenvolveron o Video 2000 como resposta ao Betamax de Sony e ao VHS de JVC, aos que superaba nalgúns aspectos, pero sen conseguir un éxito comercial equiparable.
En definitiva, que Lou Ottens foi unha figura chave no desenvolvemento da electrónica de consumo dominante durante varias décadas, pero o feito de que o seu traballo se realizase dentro dun grande fabricante fixo que a título individual non sexa coñecido para o público.

PUBLICIDADE