FalaRedes prosegue o seu itinerario esta finde co seu espectáculo dos Bolechas e co seu concurso en liña

venres, 29 de setembro do 2017 Redacción

O programa itinerante FalaRedes, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, segue o seu periplo polos concellos que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística (RDL). Estes días (a fin de semana) fará parada en Barro, Caldas de Reis e Castro Caldelas. Os protagonistas serán, por unha banda, a familia dos Bolechas, os populares personaxes creados por Pepe Carreiro e encargados, nesta ocasión, de promover o uso da nosa lingua (dun xeito máis que divertido) entre a rapazada. Na súa arribada aos ditos concellos representarán o espectáculo-actividade De Chispa a Tatá. Imos de Moraña a Zas. Amais dos Bolechas, os protagonistas tamén serán os novos recursos dixitais. Por que motivo? Pois porque tanto este como os restantes espectáculos itinerantes (coas súas datas e os seus emprazamentos) veñen con retos a desenvolver nas redes.
Ao fío do devandito, a organización acompaña cada cita cun concurso no que se convida ás nenas e aos nenos a coñecer unha palabra máxica que lles permitirá acceder á páxina web osbolechas.gal/dechispaatata para “seguiren xogando e aprendendo máis” e, a maiores, conseguir até 20 lotes dos libros de Os Bolechas.
Volvendo ás recaladas desta fin de semana, a primeira será o sábado ás 12:00 horas no concello de Barro (Nave da Música). Ese mesmo día, ás 19:00 horas, haberá outro pase da actividade en Caldas de Reis (Auditorio Municipal). Por último, o domingo, ás 17:30 horas, os Bolechas daranse cita no Polideportivo Municipal de Castro Caldelas.
Na nova proposta dos Bolechas, Tatá, Sonia, Braulio, Loli, Pili e Carlos están facendo o Camiño de Santiago e paran na pousada de Eustaquio acompañados do seu can Chispa. Eustaquio acepta darlles aloxamento a cambio de que xoguen con el a un peculiar xogo da oca que os obrigará a superar, coa axuda do público, diferentes probas de habilidade física e de coñecementos culturais sobre Galicia adaptados a rapaces de 4 a 10 anos. Segundo explica Política Lingüística afondando no que van atopar as nenas e nenos nestes espectáculos, haberá unha manchea de ingredientes: “Cultura, xeografía, gastronomía, tradicións… todo terá cabida nesta divertida iniciativa para que os nenos e nenas aprendan e se divirtan en galego, a lingua que sempre falan Os Bolechas”.
Até o 5 de novembro Os Bolechas percorrerán outros 15 municipios: Triacastela, Quiroga, Rianxo (en colaboración coa Mancomunidade Ría de Arousa Zona Norte), Pazos de Borbén, A Bola, Frades (en colaboración coa Mancomunidade da Comarca de Ordes), Padrón, Negreira, Santa Comba, Arteixo, Zas, Mos, Bueu, Ordes e Xove. Toda a información xa está dispoñíbel na ligazón www.lingua.gal/dechispaatata.
FalaRedes 2017
A sexta edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes mantén, en palabras da entidade que dirixe Valentín García, “os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia”.
Así, desde o mes de marzo e até o remate de ano, as actividades do FalaRede están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Segundo informa Política Lingüística, nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades.
O calendario de funcións e espazos está a disposición da nosa comunidade en liña no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.

PUBLICIDADE