Fakelocal mapeará os medios vinculados á desinformación local e autonómica

xoves, 26 de xaneiro do 2023 S. P.

A Universidade da Coruña achegou máis información sobre o proxecto no que traballan as nosas tres universidades e que avanzamos os días pasados dende Código Cero: o proxecto Mapa da Desinformación nas Comunidades Autónomas e Entidades Locais de España e o seu Ecosistema Dixital (Fakelocal), dirixido polos investigadores da Universidade de Vigo, Ana Belén Fernández Souto e Xosé Rúas, e cuxo obxectivo é “identificar, medir e clasificar os principais asuntos ou temas da desinformación relacionada coa xestión das corporacións locais e comunidades autónomas”. A UDC explica que Fakelocal é unha iniciativa necesaria e imprescindíbel no panorama mediático actual, con potencial para incrementar a transparencia. Entre os seus cometidos está mapear a realidade actual das fake news a nivel local e autonómico.
A UDC lembra tamén que neste proxecto traballarán tamén Natalia Quintás e José Ángel Fernández Holgado, da Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña, no ámbito das televisións autonómicas e as súas audiencias tratando de identificar e diagnosticar algunhas das principais crises online relacionadas coa desinformación.
A base da iniciativa está na preocupante ameaza que representa a proliferación de noticias falsas e boatos, informacións non confirmadas que se difunden de maneira pública, un fenómeno que pon en risco “a reputación de organizacións, empresas ou institucións e mesmo o normal funcionamento dos sistemas democráticos”, explican fontes da UDC, engadindo que este proceso contribuíu a que nos últimos anos fosen numerosas as investigacións centradas nos efectos das fake news e a chamada desinformación. No punto de achegar unha análise máis fonda a nivel autonómica e local e unha maior efectividade é onde xorde o proxecto Fakelocal, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación.
Para Quintás e Fernández Holgado, este é “un proxecto necesario e imprescindíbel no panorama mediático actual que pretende, ademais de estudar casos concretos de desinformación, propor estratexias de transparencia que permitan reducir o impacto actual da desinformación”.
Entre os obxectivos da iniciativa, que se estenderá ata 2025, figura realizar un mapeo de actores e medios vinculados á desinformación local e autonómica en España, así como identificar as principais crises derivadas da difusión de noticias falsas sufridas por gobernos autonómicos e municipais.
Para iso, Fakelocal conta cun equipo de traballo integrado por unha vintena de expertos e expertas, entre os que se atopan investigadores da Universidade de Vigo, xunto con outros das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Sevilla e Málaga, ademais de expertos da Central European University de Viena, a Universitá degli Studi de Milán e da Universidade do Porto.
Entre os traballos que desenvolverá este grupo de investigadores e investigadoras atópase a realización dunha enquisa aos responsábeis dos gabinetes de comunicación das 17 comunidades autónomas, dos 52 gobernos provinciais e das 65 cidades recollidas no ámbito de aplicación da Lei de Medidas para a Modernización do Goberno Local de 2003. Por outra banda, tamén se levará a cabo unha análise de contidos con diferentes ferramentas, co propósito de estudar o impacto, sobre todo a través das redes sociais, que poden ter as noticias falsas na esfera autonómica e local.
Outro dos ámbitos nos que busca pór o foco Fakelocal é na formación en técnicas e ferramentas relacionadas coa verificación de datos. Nese senso, a memoria do proxecto pon o acento na necesidade de “estender as competencias e funcións tradicionais dos gabinetes de comunicación das administracións locais ao combate da desinformación”, dado que “a auxe das noticias falsas afecta de maneira directa á reputación das organizacións”. Neste punto poñen de relevo a capacidade para “desestabilizar” dos boatos e a incidencia que poden ter en procesos como os electorais. De aí que outro dos propósitos sexa analizar “o que poida acontecer nas eleccións municipais deste ano e ver en que medida nestes procesos circula desinformación sobre determinados aspectos”.

PUBLICIDADE