Facer limpeza no WhatsApp agora é máis doado

martes, 3 de novembro do 2020 Marcus Fernández

Un dos grandes problemas de WhatsApp a longo prazo é o acumular unha chea de contido multimedia no smartphone do que pode resultar bastante laborioso desfacerse, e aí que esta semana a aplicación estea a recibir unha nova ferramenta de administración do almacenamento.
Para acceder a esta nova opción temos que ir a Ajustes -> Almacenamiento y datos -> - Administrar almacenamiento, onde poderemos ver a cantidade de espazo que ocupan os arquivos multimedia de WhatsApp no noso smartphone, así como o reconto do almacenamento ocupado por cada unha das nosas conversas e unha sección de Revista y elimina elementos na que facilita o acceso a ficheiros reenviados en moitas ocasións (ou sexa, os típicos memes que normalmente carecen de interese a longo prazo) e de documentos de grande tamaño, facendo así moi doada a realización dunha limpeza rápida de ficheiros.
Sobra dicir que para evitar a acumulación de ficheiros multimedia no smartphone pode desactivarse a función de gardado automático dos documentos multimedia, o que pode supor unha importante axuda, xa que en moitos casos (como o dos ficheiros recibidos a través de grupos) mitiga a acumulación de imaxes que nin sequera chegan a verse.

PUBLICIDADE