Facebook suspende un par de centos de aplicacións que poderían ter abusado dos datos dos usuarios

luns, 14 de maio do 2018 Marcus Fernández

Tras o escándalo de Cambridge Analytica dende Facebook comprometéronse a tomar medidas contra compañías que fixesen un uso indebido dos datos dos usuarios, e avanzando nesta liña aseguran hoxe que tras realizar unha investigación para determinas as aplicacións que accedían a grandes cantidades de datos dos usuarios e comprobar se o facían como era debido, optaron xa pola suspensión dunhas 200 aplicacións (entre varios milleiros).
Unha vez apartadas estas aplicacións terán agora que analizar unha a unha o posible abuso dos datos que puideron facer e, no caso de comprobarse que foi así, ao igual que aconteceu con Cambridge Analytica, avisarán aos usuarios afectados do mal uso que se fixo da súa información a través dunha aplicación que incumpriu as normas de Facebook (e polo que as vetarán da súa plataforma).
Este anuncio de Facebook chega nun momento no que New Scientist está a dar conta dun caso semellante ao de Cambridge Analytica, no que unha aplicación de test de personalidade tería facilitado o acceso a datos coa personalidade de 3,1 millóns de usuarios, á vez que tamén achegaba información como idade, sexo e situación sentimental de 4,3 millóns de persoas, aínda que nesta ocasión a posible filtración responde máis ao desleixo á hora de tratar a información que a unha mala intención.

PUBLICIDADE