Facebook quere notificarnos sobre informacións de actualidade no móbil

mércores, 11 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Facebook continúa a probar novas prestacións, e ao igual que as Music Stories, limita os seus experimentos móbiles ao iPhone e aos EE.UU., presentando agora Notify, unha nova aplicación para iOS que permite aos seus usuarios recibir notificacións en funcións dos nosos intereses, de xeito que búscase ver a Facebook como unha fonte de información de actualidade en vez de como só unha rede social.
Deste xeito teremos unha serie de estacións con informacións como resumos de encontros deportivos elaborados por FOX Sports, información meteorolóxica local de The Weather Channel, os últimos tráilers cinematográficos de Fandango, novas de última hora da CNN ou Fox News... de xeito que poderemos elixir as nosas canles informativas preferidas para que se nos informe mediante unha notificación cada vez que se publique unha información nova.
Amais, dado que se espera que haxa un importante volume de estacións, Facebook suxeriranos as máis acaídas para nós en función dos nosos gustos, e sempre poderemos explorar o catálogo de estacións para activar novas notificacións.
As notificacións recibiranse na pantalla de desbloqueo do móbil, sendo posible interactuar coas mesmas, de xeito que a propia notificación permitiranos acceder directamente á nova que pode interesarnos ou a un vídeo que podemos querer ver. Tamén será doado compartir as nosas notificacións a través de distintas canles, e incluso poderemos gardalas para cando teñamos tempo para atendelas.
Notify permitirá acceder as notificacións recibidas durante as últimas 24 horas, facilitando así que esteamos sempre á última dos temas que nos interesan, aínda que haberá que ver se os usuarios buscan realmente incrementar o número de notificacións no móbil que reciben a diario.

PUBLICIDADE