Facebook presenta Workplace, a súa solución de comunicación e colaboración para empresas

luns, 10 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Facebook leva anos traballando internamente cunha versión do seu servizo orientada ao contorno da empresa, en vez de a relacionarse con amigos e familiares, e tras estender este produto en probas a certas organizacións hai algo máis dun ano baixo o nome de Facebook at Work, finalmente decidiron abrir o servizo dun xeito máis amplo baixo o nome de Workplace, que estaría xa dispoñible para calquera empresa e organización que queira empregalo.
Con esta nova plataforma Facebook busca que as empresas teñan o seu propio Workplace, para así poder conectar mediante vídeo en directo, empregar os seus taboleiros para comaprtir información e, en definitiva, permitir que tanto os traballadores que pasan o día na oficina como os que traballan desprazándose ou en exteriores poidan conectar a través dunha ferramenta que ten demostrado a súa utilidade no ámbito persoal, e que pode aproveitar todo ese potencial para contornos corporativos.
Workplace permite chatear con compañeiros de traballo de todo o mundo en tempo real, realizar intercambios de opinións en Grupos ou seguir unha conferencia dun directivo a través dunha retransmisión a través de Live. Amais, a actividade poderá medirse a través das ferramentas analíticas de Facebook e incluso están a preparar unha solución multi-empresa, para permitir crear grupos con integrantes de varias compañías que poderán así colaborar dun xeito seguro.
Cómpre salientar que estamos ante un servizo de pagamento, que comeza cun período de proba por 3 meses de balde, e que logo terá un prezo decrecente que parte dos 3 dólares/mes por usuario activo.

PUBLICIDADE