Facebook podería superar os 2.000 millóns de usuarios activos a mediados de ano

mércores, 1 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Facebook publicou o seu informe cos resultados fiscais do cuarto trimestre de 2016, facendo tamén balance do ano pasado, deixando clara a súa fortaleza tanto en ingresos como en número de usuarios activos e, unha vez máis, confirmando que deixou atrás os tempos nos que o móbil era o seu punto feble, e agora non deixa de medrar nese ámbito (de feito, o 84% dos ingresos publicitarios chegan do móbil).
O crecemento de ingresos por parte de Facebook está a ter problemas para continuar a medrar, principalmente porque a compañía non consegue espazo suficiente para colocar a publicidade, pero aínda mantén o seu pulo, e unha vez máis supera as previsións de Wall Street, xerando 8.809 millóns de dólares no último trimestre de 2016 (cando esperaban uns 8.510 millóns de dólares).
Ao facer balance do número de usuarios mensuais activos ao remate do ano temos que Facebook chegaría aos 1.860 millóns, o que supón un incremento interanual do 17%, dos que de media 1.230 millóns conéctanse a diario, pero o feito de que a mediados de ano Facebook poida superar a barreira dos 2.000 usuarios activos é algo a ter moi en conta á hora de medir o impacto global que está a ter esta compañía, que é das poucas que consegue casar un elevado número de usuarios na Rede coa rendibilidade, tendo conseguido un equilibro que valida o seu modelo de negocio e as decisións estratéxicas tomadas nos últimos anos (como as compras de Instagram, WhatsApp e Oculus).

PUBLICIDADE