Facebook permite ver vídeos en grupo

venres, 27 de xullo do 2018 Marcus Fernández

A partires desta semana os grupos de Facebook teñen unha nova opción de publicación chamada Watch Party (polo momento mal traducida como Ver festa en galego) que en esencia son vídeos en grupo, ou sexa, a posibilidade de elixir unha serie de vídeos públicos en Facebook para que unha serie de usuarios poidan velos de xeito simultáneo, como se estivesen xuntos na mesma sala, para así poder comentalos.
Esta nova función non quere limitarse aos grupos, senón que tamén están a facer probas para a súa integración en páxinas de Facebook, pois consideran que este xeito de interacción ao redor dos vídeos poder resultar de grande interese para as comunidades de usuarios, convertendo a reprodución de vídeos nunha experiencia máis divertida e social.
Actualmente os vídeos en grupo permiten definir varios anfitrións, de xeito que varias persoas poderán engadir vídeos para velos en grupo, sendo igualmente posible configurar os vídeos en grupo para que calquera dos participantes poida engadir contidos á reprodución, facilitando así a organización de auténticas festas de vídeo.

PUBLICIDADE