Facebook péchalles a porta a colectivos neonazis italianos

luns, 17 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

Mark Zuckerberg, fundador de Facebook, nunha imaxe de Reuters

O malo e o bo dunha rede social reside practicamente no mesmo: que nela colle todo. Esta é a virtude e tamén o problema de servizos como Facebook, un gran espazo de encontro virtual no que nunca sabes o que vas atopar: máis ou menos igual que o mundo. Segundo manifestaron recentemente certos representantes políticos italianos, que nunha rede social se dea cabida a internautas de moi diversa ideoloxía e condición está moi ben, pero que se permita a actividade de persoas que moven ao racismo e u odio entre pobos é outro conto ben diferente que cómpre condenar. O caso é que esta vaga de críticas semella ter atopado reacción en Facebook, onde se lles vén de pechar a porta a colectivos neonazis italianos que incitaban á violencia por mor da presenza de xitanos no seu país: feito que cualificaban de ameaza para a sociedade, a italiana, da que, en definitiva, crense custodios.
Segundo apunta a axencia Reuters, o servizo web xa comunicou a retirada dos ditos perfiles porque violaban as condicións de emprego da web. “Facebook apoia o libre fluxo de información e os grupos ofrecen un foro para discutir temas importantes”, apúntase no comunicado da empresa, e proséguese: “Porén, Facebook retirará calquera grupo que sexa violento ou ameazante”. A cuestión, como se pode supoñer, non é exclusiva da Rede: nos últimos meses téñense intensificado os ataques contra minorías étnicas, xenreira en boa medida instigada polos medios de comunicación italianos, que, ao igual cós españois, envorcan unha boa parte dos seus esforzos en rastrexar calquera indicio de crime ou delincuencia estranxeira para subliñala con trazo groso e crear un clima social de tensión que reclama, á súa vez, máis información destas características. Dito doutro xeito: crear medo e rexeitamento social é xerar demanda informativa.

PUBLICIDADE