Facebook non celebrará eventos multitudinarios até xuño de 2021

xoves, 16 de abril do 2020 Marcus Fernández

Anualmente Facebook celebra un encontro chamado Oculus Connect, que en 2020 tería que chegar á súa sétima edición, e que serve como un dos principais escenarios para amosar os avances en realidade virtual por parte da compañía de referencia no sector, pero este ano a cousa vai mudar, e confirman que o Oculus Connect 7 será un evento puramente dixital en previsión de que os riscos pola COVID-19 aínda poidan existir á volta do verán.
A organización decidiu dar prioridade á saúde e seguridade dos desenvolvedores e empregados, de xeito que a cidade de San José quedará sen un grande encontro, e para paliar o impacto económico desta cancelación dende Facebook comprométense a achegar medio millón de dólares a entidades que atendan aos residentes da zona.
O propio Mark Zuckerberg fixo un comunicado indicando que están a traballar para facilitar que a volta dos seus empregados ás oficinas poida realizarse con seguridade, polo que están a tomar medidas e a planificar un retorno por fases, de xeito que primeiro incorporaranse os traballadores esenciais que non poidan desenvolver axeitadamente as súas tarefas dende o fogar, e logo irán sumando ao resto de persoal dun xeito moi lento.
Consideran que, dado que durante os vindeiros meses non está previsto de os cativos teñan actividades escolares nin campamentos de verán, non prevén que un bo número de traballadores non vaia reincorporarse ao traballo presencial até, como mínimo, despois do verán. E no que aos eventos se refire, cancelan todas as actividades presenciais que involucren a máis de medio cento de persoas até xuño de 2021. Tampouco permitirán viaxes de traballo até a mesma data.

PUBLICIDADE