Facebook mellora os seus xogos

venres, 12 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Tras a estrea dos xogos en Google+, tocoulle a Facebook mover ficha, e para comezar anuncian unha nova ficha para poder consultar de xeito independente as actualizacións dos nosos amigos nos seus xogos (o que claramente emula os pasos de Google+ procurando que os xogos non xeren ruído innecesario) facilitando atopar ao que están a xogar, o que pode animar a superar as súas marcas ou a competir contra os mesmos. Tamén permiten que a configuración de cada xogo poida modificarse, de xeito que poden facerse visibles as actualizacións de só uns xogos en concreto.
Entre os cambios dos xogos de Facebook tamén está o feito de que agora contan con máis espazo en pantalla para o xogo e, para comezar, nos vindeiros días será posible xogar a pantalla completa a títulos como CityVille, Zoo World, Monster World e Mystery Manor.
Outra das novidades está o feito de que os xogos poden incorporarse á nosa selección de favoritos en Facebook, de xeito que aparecen na barra da esquerda da interface web desta plataforma, facilitando o seu acceso.

PUBLICIDADE